|
Na liña de apoio á creación artística que leva a cabo a Deputación da Coruña e, en concreto, ao desenvolvemento da arte gráfica e en recoñecemento do labor realizado pola Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos e da ampla traxectoria do artista Jesús Núñez, o seu fundador, a Deputación da Coruña convoca o III Premio Internacional de Arte Gráfica.
Bases do Premio
PRIMEIRA
Poderán optar ao Premio todas as persoas maiores de idade, que estean interesadas no campo da arte gráfica, con obras que non fosen presentadas anteriormente a algún outro certame.
SEGUNDA
Establécense os seguintes premios:
Primeiro premio indivisible, dotado con 6.500 euros e unha exposición na Fundación CIEC.
Dous Accésits consistentes cada un deles nunha bolsa de matrícula dun módulo do Master da Obra Gráfica impartido pola Fundación CIEC.
A Deputación poderá publicar ou expoñer os tres traballos premiados, que quedarán da súa propiedade; igualmente, e logo de acordo cos seus autores, poderá publicar ou expoñer aqueles traballos non premiados que se consideren de calidade.
Os autores das tres obras premiadas doarán outro exemplar, igual ao premiado, á Fundación CIEC, con destino aos fondos da súa colección.
TERCEIRA
Cada artista poderá presentar un máximo dunha obra, en calquera das disciplinas das técnicas gráficas: gravado calcográfico, litografía, serigrafía, xilografía e as súas derivacións.
As obras presentaránse sen enmarcar e ao dorso deberá figurar o nome e apelidos do autor, así coma o ano da súa realización.
As medidas do papel non excederán de 76 x 112 cm e o tamaño da mancha impresa será, como mínimo, de 28 x28 cm.
Coa obra presentada achegaráse a seguinte documentación:
- Datos do autor: nome e apelidos, dni (ou documento que o substitúa, para artistas estranxeiros), lugar e data de nacemento, teléfono, currículo que non exceda dun tamaño DIN A4 por unha cara, data e sinatura.
- Ficha técnica: título, técnica, data, papel, medida do papel (altura x base), medida da mancha (altura x base), número de matrices, número de tintas, tiraxe e taller de estampación.
CUARTA
O prazo de admisión de orixinais será do 3 ao 30 de xuño de 2008.
As obras deberán enviarse á Fundación CIEC, Rúa do Castro, 2 15.300 Betanzos, A Coruña, España, indicando no sobre III Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez.
QUINTA
O xurado estará presidido polo Presidente da Deputación e formarán parte del: Jesús Núñez, a Sra. Deputada Presidenta da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico e catro persoas de recoñecido prestixio no campo da gráfica nomeadas polo Presidente da Deputación; actuará como Secretario o da Corporación ou funcionario no que delegue.
A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, coa fin de que se poidan interpoñer, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
SEXTA
Os participantes teñen a obriga de comunicar á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia de dous terzos dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas estenderáse a acta correspondente.
O xurado non poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Presidencia desta Deputación, que é o órgano competente para conceder o premio.
O xurado poderá realizar unha selección, de 30 obras como máximo, entre as obras non premiadas, para a súa inclusión nunha exposición, que será inaugurada na Fundación CIEC, e posteriormente será itinerante por municipios da provincia, e da que se editará o correspondente catálogo.
Os autores presentes na exposición recibirán exemplares do catálogo.
A decisión do xurado terá lugar no terceiro trimestre do ano 2008 e daráse a coñecer nos medios de comunicación.
SÉTIMA
As obras non seleccionadas, enviadas dende territorio nacional, devolveránse aos seus autores por mensaxería a portes debidos; os envíos procedentes do estranxeiro deberán vir acompañados de "cupóns resposta internacional de correos" que cubran a totalidade dos gastos de envío no seu envoltorio orixinal. En caso de que as obras non estean acompañadas de cupóns, entenderáse que os seus autores renuncian á propiedade das devanditas obras.
As obras que resulten seleccionadas para a exposición devolveránse aos seus autores, nas condicións establecidas no parágrafo anterior, ao rematar a itinerancia da exposición.
OITAVA
A Deputación da Coruña e a Fundación CIEC non se fan responsables da deterioración, extravío, roubo, incendio, etc. que poidan sufrir as obras presentadas ao Premio.
NOVENA
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.
» Sin Comentarios
» Envie seu comentario
|