| Algo de historia e rutas turistícas |
|
|
|
| Escrito por Xosé | |||||||
Ruta Turistíca.Comezaremos o noso percorrido polas igrexas de Santa María de Azogue e San Francisco. A primeira delas foi construída durante o século XIV, sobre as trazas doutra anterior de estilo románico. A actual, á que nos referimos, é de estilo gótico. As súas tres naves están dispostas en planta basilical. A capela maior é heptagonal e posúe un valioso retablo. O seu interior acolle catorce figuras flamencas de gran valor. Foron roubadas en 1981, pero recuperáronse pouco despois. Esta igrexa foi declarada Monumento Nacional en 1944 e, na actualidade, considérase Ben de Interese Cultural. O Mosteiro de San Francisco foi fundado en 1292 e reformado en 1387. Nas súas salas atopábase un importante centro de estudos tecnolóxicos e humanísticos. Na actualidade, o mosteiro xa non se conserva en pé, aínda que si a súa igrexa de estilo gótico. Na súa porta principal pódese ver unha imaxe da adoración dos Reis Magos. Na entrada lateral están representados a Anunciación e o anxo Gabriel, vestido con hábito de franciscano. No seu interior consérvase o sepulcro de Fernán Pérez de Andrade "O Boo", quen mandou levantar este conxunto. A súa tumba apóiase sobre un xabaril e un oso, emblemas da poderosa familia Andrade. Os laterais están cubertos con escenas de cacería. A figura xacente do cabaleiro está acompañada por un anxo (xunto á cabeza), un clérigo en actitude orante (na parte media) e tres cans (aos pés). Pódese ler a seguinte inscrición en galego medieval: "Aqui jaz Fernan Perez de Dandrade Cavaleiro que feo este mosterio ano do nascemento de noso sennor Ihesucristo de mil e trescentos e oitenta e sete anos". Noutros recunchos da igrexa atópanse sepulcros doutros cabaleiros dos séculos XIV, XV e XVI. En 1919, foi declarada Monumento Nacional. Tal como corresponde a unha cidade medieval, Betanzos estivo defendida noutrora por unhas murallas. A súa existencia está acreditada desde o século XIII. Mantivéronse en pé ata o XVIII e aos nosos días só chegaron algunhas das súas portas. Unha delas, a do Cristo da Ribeira, dá ao río Mandeo. Pola chamada Arco da Ponte Vella, accédese a unha ponte de orixe medieval. Tamén se conserva a Porta Nova, de estilo oxival do século XV.
|



