|
A construción deste xardín iníciase entre 1893 e 1895,foi diseñado e costeado por Dn. Juan García Naveira.
Foi concibido como parque enciclopédico, ao modo da época , en onde se ven plasmadas as vivencias que este “indiano” (emigrante a América), adquiriu nas súas numerosas viaxes; conseguindo convertelo nun vehículo de comunicación cultural cos seus paisanos.
O parque extendíase por uns 90.000m2 e integraba: edificios, esculturas, xardíns…Presentaba dúas partes ben diferenciadas: os xardíns , que con 80.000 m2 cubrían toda a zona baixa e cha do conxunto; e o núcleo plástico duns 8.000 m 2 , distribuído en diferentes niveis, aproveitando a inclinación do terreo.
O tempo empregado na súa edificación, foi, por tanto, necesariamente dilatado, con períodos de baixa actividade , como entre 1908 e 1912 ou de 1914 a 1918. O conxunto creceu pouco a pouco, como se dun organismo vivo se tratara.Aínda que en 1914 estaba practicamente configurado, Dn. Juan seguiu comprando novos terreos e engadindo. ideas.
Independentemente do transfondo social, intelectual e espiritual que representaba o Pasatempo , tiña , tamén, un fin eminentemente económico, destinado o beneficio das clases máis desfavorecidas de Betanzos, así: proporcionaba traballo os desocupados e , rentabilizándoo, diñeiro ao Asilo García Irmáns.
A través dun paseo arbóreo chegábase á porta principal. O primeiro que atopabamos era a Casa-Despacho de billetes, onde se podía adquirir o billete de entrada e postais do parque. Seguindo pola Avenida dos Emperadores, dito nome viña dos bustos , en mármore, de emperadores romanos sobre pedestais de cemento que a engalanaban, podiamos ver a fonte das Catro Estacións.
|
|
Nesta zona, hoxe desaparecida, a auga era a protagonista e un gran estanque ocupaba a parte central; era o denominado Estanque dos Papas, porque a balaustrada que cerraba e percorría o perímetro, consistía nunha colección completa , feita en cemento, de todos os Papas, dende San Pedro a Pío X. Numerosas fontes: como a de Neptuno, a da Industria e o Progreso, a de Florentina …; un parque zoolóxico, o Xardín Dormitorio ( copia en mirto do propio dormitorio de Dn.Juan e a súa esposa ) e outros varios elementos , constituían o atractivo deste lugar do xardín.
A outra parte estendíase pola ladeira do outeiro en cinco niveis, e é a que actualmente se conserva. Tiña un fin eminentemente didáctico, para o que se empregaron relevos e esculturas, de aí o apelativo de “Parque Enciclopédico”.
Na década de 1920 o Pasatempo era citado en numerosas guías turísticas europeas como parada obrigada de viaxeiros e peregrinos . No entanto, é a partir de 1930 cando comenza o seu deterioro. O motivo principal foi que Dn. Juan non deixou estipulada a continuidade do parque no seu testamento , pero tamén, o estalo da Guerra Civil e as súas consecuencias nos anos de posguerra. O paro, a fame e a especulación eran un mal xeralizado na sociedade da época, o que propiciou o expolio e deterioro de moitas pezas.
O paso dos anos fixo que a maleza e a vexetación se foran apoderando do recinto, ocultándoo, practicamente , ata que en 1986 o Concello da cidade comprou estes terreos; momentos nos que comezou a renacer, para os anciáns volveron os recordos e para os mozos a sorpresa.
Aínda que o esplendor de antano é imposible de igualar, o Pasatempo volve a definirse como un espacio de ocio no que os seus visitantes poden gozar da maxia e o misterio que xa ofrecía hai cen anos.
|