|
Comeza o prazo de inscrición para a sexta edición do concurso 'Déixao e Gaña 2008', unha iniciativa da Consellería de Sanidade para deixar de fumar gañando saúde e interesantes premios.
- As e os participantes no concurso teñen que deixar de fumar, polo menos, durante catro semanas, desde o 18 de maio ata o 15 de xuño
- Os premios principais son viaxes e estadías en balnearios
- Dende 1998 participaron case 14.000 persoas, das que unha de cada tres, mantíñase sen fumar aos 12 meses de rematar o concurso
- En Galicia, a prevaleza de persoas fumadores diarias maiores de 18 anos é do 22,24 por cento, polo que a poboación obxectivo do programa é de 530.302 galegos e galegas
A Consellería de Sanidade convoca a sexta edición en Galicia do concurso Déixao e Gaña, invitando a participar ás persoas maiores de 18 anos que fumen diariamente hai máis dun ano, a deixar de fumar, polo menos, durante catro semanas, do 18 de maio ao 15 de xuño do presente ano. A cambio, poderán gañar -ademais de saúde para eles mesmos e para as súas familias e contorno- viaxes, estadías en balnearios ou outros interesantes premios.
Cada concursante será apoiado por unha ou dúas persoas do seu contorno persoal ou laboral que fan de testemuña, e que o axudarán no seu intento de abandono do tabaco. As testemuñas, no caso de non fumar, tamén terán o seu premio.
Das arredor de 14.000 persoas fumadoras e 22.000 testemuñas que participaron desde a edición de 1998, unha de cada tres, mantíñase sen fumar aos 12 meses de rematar o concurso.
Trátase de facer que persoas fumadoras ás que lles gustaría deixar de fumar pero atopan dificultades persoais e doutro tipo para establecer unha data e facelo-, tomen unha decisión, con motivo do concurso, máis activa cara ao seu abandono, así como de reforzar o exemplo positivo das persoas non fumadoras, e de informar sobre os riscos do tabaco e os métodos de axuda dispoñibles.
Cómo participar.
Poderán participar no concurso as persoas maiores de 18 anos, residentes en Galicia, que consuman tabaco a diario, desde hai máis dun ano. O compromiso consiste en non fumar nada durante, polo menos, catro semanas -do 18 de maio ao 15 de xuño-, e as testemuñas, animaranlle a conseguilo.
As persoas interesadas poden inscribirse antes do 18 de maio de 2008, a través do teléfono gratuíto 900 101 164, de luns a xoves, de 9 a 14 horas, e de 16 a 19 horas, e os venres de 8 a 15 horas. A inscrición tamén pode realizarse a través da páxina www.deixaoegaña.com; ou enviando por correo a tarxeta de solicitude –editáronse máis de 300.000- que atopará nos hospitais, centros de saúde, farmacias, concellos, centros administrativos, campus universitarios e entidades colaboradoras da Rede de Centros Promotores de Vida sen Tabaco en Galicia.
Ademais, poderase tamén formalizar a inscrición simplemente depositando a tarxeta de solicitude nas hurnas colocadas nas mesas informativas que se organizarán nos hospitais, centros administrativos, superficies comerciais e outras entidades colaboradoras. Só se admitirá unha tarxeta por participante fumador, aínda que unha mesma persoa pode ser testemuña de varios concursantes fumadores.
Para constatar a abstinencia das persoas participantes, a Dirección Xeral de Saúde Pública, como organizadora, poderá contactar cos participantes e as testemuñas, así como realizarlles as probas diagnósticas oportunas para esa constatación: medición de monóxido de carbono (CO) en aire espirado, e determinación de metabolitos da nicotina na urina.
Premios motivadores ademais de saúde.
As persoas que consigan deixar de fumar poderán gañar unha viaxe ao Caribe ou ás Illas Canarias, tres fins de semana con servizo de balneario, un ordenador portátil e unha televisión.
As testemuñas que non fumen poden optar a un cruceiro polo Mediterráneo, dúas fins de semana con servizo de balneario, unha fin de semana de turismo rural, un vale de compra de 300 €, unha cámara dixital, un MP4 ou un navegador GPS.
Ademais, sortearanse diferentes premios especiais: unha fin de semana con servizo de balneario para socios Sanitas, médicos colexiados en Galicia, e farmacéuticos colexiados na Coruña ou en Pontevedra. Para as mulleres embarazadas, un vale de compra de 500 €, e un premio sorpresa para testemuñas que participan no concurso escolar “Clases sen Fume”.
As entidades patrocinadoras para este ano son: Chupachups, Caixa Galicia Obra Social, Pfizer, Jonhson&Jonhson, Conservas Miau, Sanitas, Carrefour, Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, Gadisa, Gran Hotel Hesperia A Toxa, Centro Comercial Cuatro Caminos, Consello Galego de Colexios Médicos, Viaxes Piña e Hotel Balneario de Mondariz.
O importante é deixar de fumar.
En Galicia, fuman a diario unha de cada cinco persoas maiores de 18 anos (22,2 por ciento), polo que a poboación obxectivo desta campaña son as 530.302 persoas fumadoras diarias, ademais das persoas non fumadoras que actúan de testemuñas das anteriores.
Unha de cada dúas das persoas fumadoras morrerá debido ao consumo de tabaco. Este consumo relaciónase con máis de 25 enfermidades, ademais de ser o principal factor de risco, causante do aproximadamente o 30 por cento de todos os cancros. En Galicia, estímase que morren cada día 10 persoas (9 homes e 1 muller) a idades temperás por enfermidades directamente atribuídas ao consumo de tabaco.
Das 1.903 persoas que participaron na quinta edición -ano 2006-, 879 eran da Coruña, 566 de Pontevedra, 244 de Ourense e 214 de Lugo; o 53 por cento eran mulleres e o 47 por cento homes; o 61 por cento tiñan entre 25 e 44 anos; o 70 por cento consumía máis de 15 cigarros ao día; o 93 por cento levaban máis de 5 anos fumando, e o 97 por cento xa intentara nalgunha ocasión máis deixar de fumar.
Ao ano do concurso mantíñanse sen fumar un de cada tres participantes, outro seguía fumando pero tiña diminuído o seu consumo e outro non conseguira deixar de fumar ou recaera.
» Sin Comentarios
» Envie seu comentario
|