|
Traballo apoiará con máis de 20 millóns de euros a contratación de desempregados pertencentes a colectivos en riscos de exclusión social.
O departamento que dirixe Ricardo Varela concede axudas á contratación indefinida inicial e axudas para a transformación de contratos temporais en indefinidos.
As empresas interesadas poden solicitar estas subvencións ata o 15 de setembro deste ano
A Consellería de Traballo apoiará cun presuposto de máis de 20 millóns de euros ao longo de 2008 a contratación de persoas desempregadas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión social. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas que se atopan nesta situación.
O obxectivo desta medida é favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos traballadores e das traballadoras que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo.
Os destinatarios deste programa de axudas son as empresas que contraten por conta allea a estes traballadores. Tamén están incluídos os autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica.
A través desta orde a Consellería de Traballo establece axudas ás contratacións indefinidas iniciais e axudas ás transformación de contratos temporais en indefinidos. No caso das contratacións indefinidas o importe da subvención será equivalente ao 30% da base mínima do grupo de cotización. Se falamos dunha contratación temporal mínima de 6 meses, a contía será de 2.520 euros, mentres que se a duración da contratación é de 12 meses a axuda ascenderá ata os 5.040 euros.
Prazo de presentación
As entidades interesadas en acollerse a este tipo de subvencións poderán solicitalas nos dous meses seguintes á data na que se inicie a relación laboral, pero o prazo de admisión de solicitudes remata o 15 de setembro. Cómpre sinalar que aquelas contratacións que se fixeran dende o 16 de setembro de 2007 ata hoxe deberán presentar a solicitude antes do vindeiro 15 de maio deste ano.
As empresas interesadas poden consultar información e descargar as solicitudes e os anexos deste programa de axudas na páxina web da Consellería de Traballo (http://traballo.xunta.es).
Beneficiarios das axudas
Serán beneficiarios desta liña de subvencións as persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) ou aquelas que non podan acceder a ela, por falta do período esixido de residencia ou empadroamento; as persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social; e as persoas internas en centros penitenciarios, sempre e cando a súa situación lles permita acceder a un emprego.
Outros beneficiarios destas subvencións son as mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas de inserción laboral, as mulleres vítimas de violencia de xénero e as que abandonaran o exercicio da prostitución.
Tamén teñen consideración de persoas pertencentes ao colectivo de risco de exclusión social os mozos e mozas que estean ou estivesen ata a súa maioría de idade baixo tutela da Administración autonómica, os inmigrantes que pasen a ser residentes da Comunidade cuxas características condicionen a súa integración, os emigrantes retornados con necesidades persoais ou familiares e as persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.
A Consellería de Traballo pon en marcha este tipo de iniciativas porque considera necesario o apoio ás políticas activas de emprego, xa que son as medidas preventivas máis eficaces na loita contra a exclusión social. Ademais, este tipo de accións favorece a inserción laboral das persoas desempregadas, pois evitan situacións de desemprego de longa duración e de ocupación inestable ou precaria e afastan a potencialidade de transformase en situacións de risco persoal.
» Sin Comentarios
» Envie seu comentario
|