|
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados na última lexislatura, Francisco Rodríguez, defendeu hoxe a necesaria presenza da formación nacionalista en Madrid para garantir que o tramo de alta velocidade entre Ferrol e A Coruña estea terminado no ano 2013.
Francisco Rodríguez asegurou hoxe en Ferrol que, tras as xestións do BNG, o próximo ano estará en obras o tramo de alta velocidade entre A Ponte dás Cabras e a estación de Ferrol, co que se garantirá a conexión da cidade co AVE no Eixo Atlántico.
Segundo explicou o representante do BNG, na última reunión mantida coa secretaria de transportes e o director xeral de ferrocarrís, estableceuse que o contrato do proxecto construtivo para a alta velocidade nese tramo -ao que se destinan 6 millóns de euros- será licitado en marzo, aínda que non se concretou se antes ou logo das eleccións.
Este traxecto, que estará exento de declaración de impacto ambiental xa que transcorre pola vía actual, só precisará o visto e prace da Xunta, o concello e os veciños, co que se poderían iniciar as obras xa en 2009.
NOVO TRAMO EN BETANZOS.
Ademais, o estudo informativo entre Betanzos e Ferrol estará terminado ao final do verán de 2008, segundo garantiu Francisco Rodríguez, quen engadiu que no primeiro semestre deste ano, elaborarase un estudo informativo segmentado sobre a construción dun novo tramo de vía de alta velocidade, para evitar un 'by-pass' en Betanzos.
Tratarase de crear unha conexión, de dobre vía electrificada, entre Pontellas (Betanzos) e O Castro, para bordear a estación do tren. Deste xeito, Rodríguez asegurou que se gañarían máis de 10 minutos no traxecto de alta velocidade, que podería reducirse entre Ferrol e A Coruña a uns 50 minutos.
'Se seguimos por este camiño e seguimos tendo capacidade de presión política, o tramo de Ferrol-A Coruña si é posible que estea terminado no 2013', subliñou Rodríguez, quen concluíu que estes acordos 'necesitan con máis forza a presenza do BNG en Madrid'.
Neste sentido, reprobou a 'tendencia' dos partidos políticos de ámbito estatal, en especial do PP, a prometer en eleccións 'de forma desconsiderada', sen ter en conta o seu pasado como goberno. 'O PP promete o ouro e o mouro e non demostrou iso durante o seu Goberno, cando o abandono coas infraestruturas de Galicia foi clamoroso', puntualizou.
» Sin Comentarios
No hai ningun comentario ata agora.
» Envie seu Comentario
|