|
O pasado 5 de decembro inaugurouse na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (Edificio Área Panorámica - rúa Colón, 2) a exposición "Xente do camiño" (I e II, toda a colección ata o presente) de Alfredo Erias, que, co patrocinio da Excma. Deputación Provincial da Coruña. permanecerá aberta ata finais de mes.
EXPOSICIÓNS REALIZADAS
A Deputación Provincial da Coruña foi desde os primeiros esbozos de "Xente no Camiño" en 2005, unha institución básica na súa promoción e difusión. Grazas ao seu apoio, seccións itinerantes da colección veñen percorrendo os municipios galegos desde 2006, acompañadas de libros-catálogo, de carteis e de folletos ilustrativos.
En outubro de 2006 o Parlamento Europeo acolleu gran parte de "Xente no Camiño" na sede de Bruxelas, sempre con apoio da Deputación Provincial da Coruña, pero tamén, neste caso, da Fundación Galicia-Europa. Un catálogo especial foi editado para a ocasión. Seguíronlle exposicións no Centro Galego de Bruxelas e en Namur.
A colección foi exhibida ao completo en decembro de 2006 e xaneiro de 20007 no privilexiado marco do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela. E seguen nestes momentos as exposicións itinerantes polos municipios galegos. Actualmente está en Tui e desde mediados de xaneiro (a data exacta non está fixada) e ata finais de abril estará no Castelo de Soutomaior, perto de Arcade -Pontevedra-.
Pode terse unha idea da mesma na web:
http://www.alfredoerias.com
Xente no Camiño
Durante a Idade Media, Europa asistiu ao nacemento das cidades e á revitalización das antigas rutas que hoxe a configuran (estas, en xeral, de orixe prehistórica). A súa linguaxe artística non foi soamente arquitectónica, senón que se estendeu á escultura, á pintura, á música e ás chamadas artes menores. Foi un mundo cheo de cor, pero tamén de guerras, de pestes, de grandes convulsións sociais e relixiosas.
Foi o mundo das cruzadas, que trastornou todos os valores sociais case ata hoxe, onde os modelos a seguir eran uns chamados "santos guerreiros" que cortaban sen piedade a cabeza dos seus inimigos, identificados co pecado e o demo: co outro, en definitiva. Algo que, por desgraza, aínda hoxe se manten na mente de moitos inconscientes, pero que tivo a súa formulación teórica en Occidente a finais do s. XI e principios do XII coa creación das ordes de cabalería (monxes guerreiros), consustanciais ao espírito de cruzada que, dalgún xeito aínda reverdece con resultados tráxicos na nosa Guerra Civil e na postguerra.
É a Europa das catedrais, do románico, do gótico. É a Europa dos mosteiros, dos códices e das mil escenas didácticas en escultura e pintura para aquelas xentes que debían ser adoutrinadas para servir ao poder da Igrexa, dos reis e dos grandes señores, pero que raramente sabían ler e escribir.
A Idade Media segue chea de leccións ocultas para nós os europeos e, desde aquí, para outros continentes que, probablemente, poidan conectar con nós de xeito máis doada a través destas imaxes medievais.
A exposición "Xente no Camiño" ofrece, de xeito necesariamente historicista, pero orixinal artisticamente desde o noso tempo, unha perspectiva pictórica da Idade Media aplicada a GALICIA, en principio, pero con vocación de estenderse como camiño de volta desde Compostela cara a Portugal, cara ao resto de España, e cara ao corazón de Europa. O seu obxecto é A IMAXE DA XENTE MEDIEVAL, a partir das referencias máis seguras que temos, atopadas en sepulcros, capiteis, canzorros, etc., e seguindo, como é lóxico, o ronsel de catedrais, igrexas, mosteiros, castelos... E esas xentes, de todos os estamentos, tomadas coas técncias do arqueólogo, son filtradas logo pola mirada do pintor. Desa forma resucitan aos poucos ante os nosos ollos, desde cabaleiros e grandes damas a bufóns e prostitutas, pasando polos campesiños e o mundo crecentemente complexo da burguesía, sen esquecernos dos reis e as distintas xerarquías clericales.

As pinturas están realizadas sobre táboa cun formato de 118x73 cm., constituíndo unha colección duns 60 cadros e segue medrando. Nos catálogos editados ata o momento pola Deputación Provincial da Coruña (a promotora e organizadora) hai, ademais dos estudos específicos para cada cadro polo autor, no que se refire aos elementos formais utilizados, colaboracións de grandes investigadores e poetas, nunha liña que se continuará no futuro Son algúns destes escritores: Juan Carlos Mestre, Xulio López Valcárcel, Miguel Anxo Fernán Bello, Carlos Pereira, etc.
Precisamente unha das conclusións que se obtén mirando a exposición é que, sendo Galicia un finisterre xeográfico, é ao mesmo tempo un centro cultural europeo. Por iso a imaxe dos galegos da Baixa Idade Media non é moi diferente á doutras rexións do continente.
Alfredo Erias é autor e propietario da colección e historiador, debuxante arqueolóxico, gravador e pintor. Polo seu cargo de director do Museo dás Mariñas de Betanzos, do Arquivo Municipal, da Biblioteca e do Anuario Brigantino desde hai máis de vinte anos, non só conta con numerosas investigacións no terreo da arte medieval e noutros, senón que está en contacto cos mellores investigadores de Galicia.
» Sin Comentarios
No hai ningun comentario ata agora.
» Envie seu Comentario
|