Algo de historia e rutas turistícas

PDF Imprimir
Fonte: Xosé   

Historia.

 

O Pasatiempo.

Betanzos é un dos núcleos comerciais máis importantes do norte da provincia da Coruña. Está situada en pleno corazón das Rías Altas, á beira dos ríos Mendo e Mandeo, e rodeada de montes e fértiles campos. A súa fundación tivo lugar en 1219, sobre un antigo castro celta.

En tempos dos Reis Católicos foi nomeada capital da súa propia provincia, que abarcaba o norte da actual provincia da Coruña. En 1609 contaba con 50.000 habitantes. Daqueles tempos de esplendor, no que todas as familias nobres galegas tiñan casa na localidade, provén o apelativo de Cidade dos Cabaleiros. O seu amplo repertorio arquitectónico valeulle a distinción de Conxunto Histórico Artístico en 1970.

 

Nos arrabaldes de Betanzos está situado o recinto coñecido como "O Pasatempo". Este curioso parque, unha obra de 1893, figuraba na Guía Michelin dos anos 20. A súa construción débese aos irmáns Juan e Jesús García Naveira, dous comerciantes locais que fixeron fortuna en América. De volta á súa terra natal, promoveron numerosas actividades culturais e benéficas. Na entrada pódense ver dous leóns de mármore de Carrara.

O seu interior reúne un variado repertorio de conxuntos escultóricos, distribuídos entre paseos, covas e lagos artificiais. Algunhas figuras son orixinais e fan referencia aos máis variados episodios. Outras son réplicas de obras recoñecidas. A modo de exemplo, citamos "O estanque de Salomón", "Os fusos horarios no mundo" e "O sacrificio de Tupac-Amaru".

Ruta Turistíca.

Comezaremos o noso percorrido polas igrexas de Santa María de Azogue e San Francisco. A primeira delas foi construída durante o século XIV, sobre as trazas doutra anterior de estilo románico. A actual, á que nos referimos, é de estilo gótico. As súas tres naves están dispostas en planta basilical. A capela maior é heptagonal e posúe un valioso retablo. O seu interior acolle catorce figuras flamencas de gran valor. Foron roubadas en 1981, pero recuperáronse pouco despois. Esta igrexa foi declarada Monumento Nacional en 1944 e, na actualidade, considérase Ben de Interese Cultural.

O Mosteiro de San Francisco foi fundado en 1292 e reformado en 1387. Nas súas salas atopábase un importante centro de estudos tecnolóxicos e humanísticos. Na actualidade, o mosteiro xa non se conserva en pé, aínda que si a súa igrexa de estilo gótico. Na súa porta principal pódese ver unha imaxe da adoración dos Reis Magos. Na entrada lateral están representados a Anunciación e o anxo Gabriel, vestido con hábito de franciscano.

No seu interior consérvase o sepulcro de Fernán Pérez de Andrade "O Boo", quen mandou levantar este conxunto. A súa tumba apóiase sobre un xabaril e un oso, emblemas da poderosa familia Andrade. Os laterais están cubertos con escenas de cacería. A figura xacente do cabaleiro está acompañada por un anxo (xunto á cabeza), un clérigo en actitude orante (na parte media) e tres cans (aos pés). Pódese ler a seguinte inscrición en galego medieval: "Aqui jaz Fernan Perez de Dandrade Cavaleiro que feo este mosterio ano do nascemento de noso sennor Ihesucristo de mil e trescentos e oitenta e sete anos". Noutros recunchos da igrexa atópanse sepulcros doutros cabaleiros dos séculos XIV, XV e XVI. En 1919, foi declarada Monumento Nacional.

Tal como corresponde a unha cidade medieval, Betanzos estivo defendida noutrora por unhas murallas. A súa existencia está acreditada desde o século XIII. Mantivéronse en pé ata o XVIII e aos nosos días só chegaron algunhas das súas portas. Unha delas, a do Cristo da Ribeira, dá ao río Mandeo. Pola chamada Arco da Ponte Vella, accédese a unha ponte de orixe medieval. Tamén se conserva a Porta Nova, de estilo oxival do século XV.